No CERN lévanse construindo aceleradores desde os anos 50. Hoxe existe un importante sistema de aceleradores lineais e circulares. Algún dos vellos aceleradores ainda son utilizados nas primeiras etapas de aceleración antes de enviar as partículas aos grandes aceleradores.
O sistema acelerador do CERN acelera electróns, positróns, protóns e distintas clases de ións. A continuación descríbense os procesos de aceleración dos electróns e positróns.
O calor utilízase para transferir enerxía a un arame metálico situado nun campo eléctrico. Os electróns do arame acadan suficiente enerxía para liberarse dos átomos do material. Os electróns liberados son acelerados ata unha enerxía de 200 MeV coa axuda dun acelerador linear (LIL)
Algúns dos electróns son desviados e fanse chocar cun albo de metal pesado. Nestas colisións créanse positróns para utilizalos no sistema acelerador.
Posteriormente o acelerador linear acelera aínda máis tanto os electróns como os positróns ata enerxías de 600 MeV. Finalmente as partículas mantéñense nun anel de almacenamento (EPA) namentres se van acumulando máis partículas.