Existen dous tipos de aceleradores, o linear e o circular. Nos aceleradores lineais as partículas aceleradas fanse chocar cun albo fixo. Nos aceleradores circulares as partículas fanse chocar entre si.
Unha partícula acelérase ao atravesar uns campos eléctricos de varios miles de millóns de Volt de potencial. O acelerador circular utiliza electroimáns para curvar as traxectorias das partículas cargadas.
Pódense acelerar partículas como electróns, positróns, protóns e diferentes ións. O único que se require é que sexan partículas estables e cargadas electricamente.
Para iniciar a aceleración das partículas no sistema acelerador do CERN quéntase un arame metálico ata que se liberan electróns. Algúns destes electróns pasan a un pequeno acelerador circular coa axuda dun acelerador linear. Outros destes electróns fanse chocar con albos metálicos para producir positróns que pasan a ser tratados do mesmo xeito que aos electróns. Os electróns e positróns son acelerados en diferentes aceleradores ata que pasan ao LEP (colisionador "Large Electron Positron") onde chocan entre si. A colisión faise nalgun dos catro detectores que se encargan de analizar as partículas creadas.
Hai tempo que o acelerador LEP deixou de traballar para facer sitio a un acelerador máis potente, o LHC (Large Hadron Collider), que no 2007 fará chocar protóns a moita máis enerxía.