O Modelo Estándar recolle os coñecementos teóricos da física de partículas, isto é, das partículas elementais e da forma en que interactúan. Existen dous tipos de partículas:partículas materiais e portadores de forza.
As partículas materiais son os seis quarks e os seis leptóns que se distribuen en tres familias. Por cada tipo de partícula material existe a correspondente antipartícula coas mesmas propiedades agás a carga que é oposta. A materia está constituida por partículas da primeira familia. As partículas das outras familias abundaban no universo primitivo pero se foron desintegrando nas partículas da primeira familia.
Os quarks teñen masa e carga eléctrica. Os diferentes hadróns (como os protóns e os neutróns) están formados por distintas combinacións de quarks. Os leptóns (como o electrón) son partículas elementais, o que quere decir que non estan constituidas por outras. Hai tres leptóns cargados e tres neutros. Os leptóns neutros son moi difíciles de detectar.
Os portadores de forza son partículas que median na interacción. Existen tres tipos distintos de portadores de forza: fotóns, gluóns e bosóns vectoriais.
O fotón é a partícula elemental sen masa que media a interacción electromagnética que actúa entre partículas cargadas. Oito gluóns distintos median na interacción forte. Esta interacción actúa entre quarks formando os hadróns e é a responsable de manter os protóns e neutróns unidos no nucleo atómico. O terceiro grupo de portadores de forza o forman os bosóns vectoriais (W+, W- e Z0). Estos median a interacción feble que é a responsable de transformar unhas partículas noutras.
A partícula Higgs non é portador de forza nin partícula material. Aparece cando se modifican as ecuacións do Modelo Estándar para facer que as partículas teñan masa. Os científicos esperan probar a existencia do Higgs no 2007 co novo acelerador LHC do CERN.