O Modelo Estándar clasifica os quarks e leptóns en tres grupos ou familias. A táboa da esquerda mostra os símbolos e as cargas eléctricas, en unidades da carga do electrón e, das partículas materiais. Nótese que os quarks teñen cargas en fraccións de e, namentras que os tres leptóns cargados posúen a mesma carga que o electrón. (-e, ou abreviadamente, -1)
Toda a materia que vemos ao noso redor está feita de quarks "u", quarks "d" e electróns. Estas tres partículas, xunto co neutrino electrónico do que se falará máis adiante, forman a primeira familia. No universo primitivo as partículas das tres familias eran abundantes, pero dende entón as partículas da segunda e terceira familia foron desaparecendo ao se transformar en partículas da primeira.