Das partículas portadoras de forza, só os tres bosóns vectoriais da interacción feble teñen masa. Os outros, o fotón e os oito gluóns, son de masa nula. Os quarks e leptóns posúen masas distintas. Os tres leptóns neutros, chamados neutrinos, teñen unha pequena masa, aínda que ata hai ben pouco pensábase que tiñan masa cero, como os fotóns.
As masas das partículas exprésanse en unidades de electron volt (eV).
A enerxía toma a forma, entre outras, de enerxía cinética e de masa. En 1905 Albert Einstein descubriu unha relación entre a masa e a enerxía: E = mc2, onde E = enerxía, m = masa and c = velocidade da luz no baleiro. A ecuación anterior dá conta da enerxía necesaria para crear unha partícula de masa m. Do mesmo xeito unha masa pódese converter en enerxía, por exemplo cando partícula e antipartícula se aniquilan entre si ou ben cando unha partícula inestable se desintegra noutras converténdose unha pequena parte da masa en enerxía.
É dificil establecer sen ambigüidade as masas dos quarks. Isto ten que ver con que os quarks non poden ser separados uns dos outros para realizar a medida da súa masa. Na táboa da esquerda móstranse as denominadas "masas espidas" dos quarks.