Imaxine que a órbita da Lúa ó redor da Terra se perturba pola colisión cun cometa. Isto implicaría unha perturbación sobre a Terra que afectaría, por exemplo, as mareas.
De acordo coa teoría da relatividade non é posible transmitir información máis rápido ca velocidade da luz. Como a perturbación do campo gravitatorio viaxa á velocidade da luz, na Terra o efecto será observado un segundo despois da colisión do cometa coa Lúa, que é o tempo que lle leva á luz viaxar da Lúa á Terra.
Necesariamente ten que haber algún tipo de mediador de información entre as dúas partículas que interactúan. No exemplo anterior a perturbación do campo gravitatorio pódese describir como o intercambio de partículas denominadas portadores de forza ou "partículas de intercambio". O portador da forza da gravidade é o "gravitón" que aínda está por descubrir.